Que precisamos para construír unha historia? Pois basicamente a nosa cabeciña para ir creando ou recreando nela os diferentes ingredientes que adoitan compoñer un conto: lugares e personaxes… cantos queiramos (depende das ganas de crear que teñamos e do longa que vaia ser a narración); un tempo… se cadra; algún problema, para darlle vida ao asunto, e logo accións, moitas accións para resolver todos os disparatados problemas en que acabamos metendo os personaxes.
Entre outros obxectivos, o conto viaxeiro intenta estimular a creatividade, ao tempo que se repasan contidos curriculares de Lingua, Literatura, Ciencias Naturais ou Ciencias Sociais. Tratamos por exemplo os textos narrativos, a fauna e a flora e historia e patrimonio. E claro, como se fai nos coles de Compostela, procuramos sempre que a rapazada coñeza o que ten máis á man. Desta experiencia, intentando atopar vías atraentes e divertidas para que as nenas e nenos desfruten creando, nacen ideas para xogar coma estes dados que agora vos deixamos aquí, por se vos apetece probar en familia ou cos amigos a crear tamén vós as vosas historias compostelás.
Que como se xoga? Ben doado. Só cómpre lanzar os dados e a figura que apareza daravos pé para ir construíndo unha parte da historia, que a seguinte persoa en lanzar outro dado terá á súa vez que continuar. E así ata rematar a historia cando o consideredes.
Que vos preste! (Ah, e en nadiña teremos outra cousa para vós, estade atent@s!!)
DESCARGAR AQUÍ O DADO DE PERSONAXES
DESCARGAR AQUÍ O DADO DE LUGARES