Gústache inventar historias? E gústache xogar ao dominó? Pois propoñémosche unha actividade coa que o vas pasar en grande: un dominó para facer contos!
O primeiro que tes que facer é imprimir as fichas, que podes descargar aquí, pegalas nun cartón e recortalas. Vas ver que nelas están a maior parte dos elementos do noso conto viaxeiro. Cando as teñas, busca unha ou máis persoas que teñan gana de leria e xa podedes comezar a dominar o voso conto!
Como se xoga:
As normas básicas do xogo son as mesmas que as do clásico xogo do dominó.
Poden participar dúas ou máis persoas, que se repartirán as fichas equitativamente (Se non cadra xusto, hai que quitar unha ao chou).
Unha das persoas colocará unha ficha na mesa (por exemplo, bruxa-pega) e a seguinte deberá comezar a inventar unha historia que conteña un dos elementos que aparezan nesa ficha, por exemplo, a pega; a continuación colocará unha nova ficha que conteña a pega (por exemplo, pega-ourive). A seguinte persoa continuará o conto introducindo ese novo elemento, o ourive, e colocará outra ficha que o conteña (por exemplo, ourive-peite). Así sucesivamente ata rematar as fichas e, polo tanto, o conto, que quedará deste xeito representado sobre a mesa. Cando unha das persoas coloque unha ficha na que hai dous elementos que se repiten (por exemplo, peite-peite), a seguinte persoa deberá describir ese elemento no conto (por exemplo, eran uns fieitos moi grandes, dunha cor verde intensa).