Trátase do coñecido xogo do “Adivinha quem” ou “Quen é quen”, pero desta volta temos que adiviñar o produto da horta que oculta o/a noso/a compañeiro/a. Védesvos capaces? Pois imos alá!
O primeiro que debemos facer é o taboleiro de xogo. Para iso só necesitamos:
- Dous paneis de DM ou contrachapado de 40x40cm, aproximadamente (poden substituírse por cartón duro, cartón pluma ou o que se nos ocorra que teña máis ou menos estas medidas e que sexa un pouco resistente).
- 42 pinzas da roupa de madeira (21 para cada taboleiro).
- Cola branca ou outra que pegue ben a madeira.
- Tesoiras.
- As tarxetas dos produtos da horta, que podedes descargar aquí en tamaño A4.
1º) Distribuíde as pinzas sobre o taboleiro de maneira que teñades tres ringleiras de sete pinzas. Cando as teñades ben colocadas, xa podedes pegalas:
2º) Imprimide tres copias das tarxetas dos produtos da horta. Podedes decoralas como queirades pola parte de atrás e estaría xenial que diferenciásedes cada un dos tres xogos de tarxetas coa decoración. Se as pegades nun cartón ou as plastificades han ser máis resistentes.
3º Recortade todas as tarxetas e repartide un xogo delas para cada un/ha. O outro poñédeo nun montonciño co lombo para arriba (sen que se vexan as imaxes) no medio dos/as dous/dúas.
4º) Cada xogador/a debe colocar as tarxetas no seu taboleiro (a súa “horta”). O primeiro lugar (arriba á esquerda), hai que distinguilo dalgún xeito e deixalo libre nun primeiro momento, porque alí será onde se coloque a tarxeta que ten que adiviñar o/a compañeiro/a de xogo. Nós coloreamos a pinza de verde.
Ao chou cada xogador/a colle unha tarxeta do montón do medio e colócaa (sen que a outra persoa a vexa) no lugar destacado. A nós tocounos a faba :)
5º) Por quendas comezamos a facer preguntas ao/á noso/a compañeiro/a de xogo sobre a tarxeta que colleu, pero deben ser preguntas que el/ela poida contestar con “si” ou “non”, por exemplo: “É verde”? “É redonda?”. A continuación imos dándolle a volta ás tarxetas do noso taboleiro que non cumpran ese criterio.
6º) Chegará un momento no que xa teñamos claro cal é o produto da horta que se agocha na tarxeta do/a noso/a compañeiro/a. No noso caso era o tomate!