0

Unha antiga pócema contra as bruxas

8_Roxos-11O mércores en Roxos estivemos a cociñar unha pócema para acabar coas bruxas. A herba da andoriña -ou herba das verrugas- non podía faltar, claro ;) Así quedou o texto que fixo o alumnado de 2º de Primaria:

E volveu desaparecer…

Adán e Xenxo fixéronlle caso. Despois de moito andar, chegaron á beira do río.

Xenxo colleu herbas para facer unha antiga pócema que protexía das bruxas. A pócema levaba caléndula, ruda e herba da andoriña. A caléndula porque é comestible, a ruda por se se portan mal e a herba da andoriña porque quita as verrugas e así deixan de ser bruxas.

Ao pouco, Adán caiu na conta de que era o 1 de abril, así que deron volta.

A ilustración escollida foi a de Guillermo Castello, do CEIP Pío XII. Promete, eh!

Hoxe viaxamos ata Lavacolla. A ver o que inventan por alá… Xa hai ganiñas de saber como será o encontro entre os nosos protagonistas e a bruxa das Casas Novas…

0

No un de abril…

7_PioXII-11

… os burros van a onde non deben ir!

Como non podía ser doutra maneira, na xornada de onte no CEIP Pío XII lembraron o Día dos enganos. Pero non só iso, porque estes miúdos tiñan unha imaxinación de medo! Mirade todo o que inventaron:

Adán non sabía nada de maxia, así que pediulle ao vello que o acompañase.

O vello, que se chamaba Xenxo, aceptou e os dous partiron dende Poza de Bar ata Casas Novas.

Pero á altura de Galeras apareceu a muller que tocaba o piano. Era unha zombi. Estaba coa curuxa da bruxa, que se chamaba Xurxa.

Díxolles que era pola dereita (pero era pola esquerda). Ese día era o 1 de abril, no que “os burros van a onde non deben ir”.

Mimadriña! Si que está complicada a cousa! A ver como fan agora Adán e Xenxo para chegar a tempo á casa número 23… Non o van ter doado hoxe en Roxos para continuar a historia…

O debuxo elixido desta volta para o conto foi o de Flavia, do Raíña Fabiola. Unha artistaza!

0

Cal número 23?

6_RaíñaFabiola-7Onte o conto volveu pasar polo CEIP Raíña Fabiola, onde a rapazada lle botou un bo cable ao noso ourive para que non corra a mesma sorte que a anterior dona do peite. A historia segue así:

A pega botou a voar.

-Malo raio! Pero cal número 23? -Pensou Adán.

Entón saíu da casa e atopou un vello e preguntoulle: -Que fas a estas horas da noite

El respondeu: -Estou pensando no número dunha casa que sexa 23.

O vello pensou uns minutos e logo dixo: -Busca nas Casas Novas; no número 23 vive unha bruxa.

Aaaai, que mediño…! Será abondo valente Adán para ir á casa que lle dixo o vello? E, se vai, atopará a bruxa? Ou será todo mentira?

Habemos sabelo hoxe no CEIP Pío XII. Uf! Xa tarda saber como vai seguir esta historia!

Para facer máis levadeira a espera, mirade como campa o debuxo de Nuno Sanmartín, que foi o escollido da sesión do venres para ir no conto final.

0

Unha pega na Almáciga

5_ASantiago

A quinta xornada deste conto viaxeiro deu para moito… Unha pega, unha bruxa, unha rapaza descoñecida, unha casa co número 23… Cantas cousas e canto misterio! Este é o texto que fixeron as rapazas e rapaces do Apóstolo Santiago:

Ao chegar á casa, no peitoril da xanela, había unha pega esperándoo e contoulle que pertencía a unha rapaza que morrera por culpa dunha bruxa que quería conseguir o seu peite e que se non ía á casa número 23 pola noite, morrería da mesma maneira.

Tamén escolleron o debuxo de Lucía Rodríguez para incluír no conto final. Cousa bonita! Non vos parece?

Hoxe volvemos ao Raíña Fabiola e traballaremos coas rapazas e rapaces de 3º de Primaria. Isto aínda se pode enguedellar moito máis…

0

A misteriosa muller de Roxos

4_Roxos

O CEIP de Roxos estreouse onte con moi bo pe e discurriu mundos e moreas… E é que Adán xa non está só neste conto… Acompáñao unha estraña muller que toca un piano no medio da fraga. Mmmmmm, que boa pinta ten isto! Agora si que podemos dicir que comezou a aventura!

Nun momento en que Adán outeaba por riba dos fieitos viu algo estraño: no medio dunhas ruínas unha muller tocaba o piano. Adán acercousa a ver quen era. A muller, cando se deu conta, desapareceu deixando un peite dourado. Adán recolleu o peite e levouno á casa para observalo atentamente.

Ademais, escolleron a ilustración dos seus compañeiros de Lavacolla, a de Lucía Xián, que debuxou a Selva Negra baixo un fermoso ceo azul…

Lembrade que podedes seguir o proceso creativo de cada sesión na sección de Fotos.

A seguinte quenda é para as rapazas e rapaces de 3º e 4º de Primaria do Apóstolo Santiago dentro dun anaquiño. A ver que nos contan…

0

Os habitantes do bosque

Rodríguez XixireiAs nenas e nenos do CEIP Rodríguez Xixirei son grandes observadores! Tanto que describiron á perfección o lugar onde se está a desenvolver o noso conto, a Selva Negra:

 A Selva Negra está no Monte Pedroso. É un bosque mesto no que viven moitas plantas coma carballos, fieitos, castiñeiros, cogomelos… E animais coma coellos, xabaríns, raposos, mouchos, curuxas, corvos, pegas…

Ademais, escolleron a ilustración que se incluirá no conto final de entre os que fixo a rapazada do Raíña Fabiola, un debuxo moi colorido de Sofía Agraso

Hoxe o conto viaxa ata Roxos, onde ben seguro que atopa unha chea de ideas para enguedellalo… Xa contaremos ;)