0

O cullareto do Apóstolo Santiago

2_Apóstolo SantiagoA rapazada do CEIP Apóstolo Santiago non decepcionou e souberon darlle ben á cabeciña para continuar o conto.

Con creatividade desbordante e grande interese na actividade, enxendraron un novo personaxe: Emilio, un cullareto que acompañou a Enma ata a catedral e que disque non ten moita paciencia coa xente estranxeira… Velaquí a narración dos rapaces e rapazas na que se fala deste simpático personaxe e se conta como chegaron á catedral e que foron buscar alí:

 Con ela ía Emilio o cullareto, que era moi encantador, pero non tiña moita paciencia cos estranxeiros. Chegaron agochados nunha apisoadora que ía baixo terra, por un burato, dende o río ata a catedral. Ían alí para aprender a lingua das pombas. 

Xa logo poderedes ver o fragmento de hoxe no videoconto e tamén as fotografías e as ilustracións, que aínda lle deron que facer…

E falando diso, hoxe seleccionouse a ilustración da primeira sesión que irá no conto final! As rapazas e rapaces do Apóstolo Santiago escolleron o debuxo de Helena Rodríguez, do colexio San Paio como o máis representativo. Noraboa!

0

Unha troita na catedral?

Andamos ansiosos por saber como diaño unha troita chegou ata a catedral, pero teremos que aguantar coa intriga un pouquichiño máis, a ver o que nos contan as rapazas e rapaces do Apóstolo Santiago…

Para seguir mellor a viaxe, vimos de publicar a primeira parte do videoconto.

Podes ver tamén xa as fotografías e ilustracións da primeira sesión e, no apartado de recursos, unha actividade ben divertida relacionada coas troitas e outros peixes dos ríos, seguro que vas gustar!

Ata a volta!

0

San Paio comeza a viaxe…

1_San Paio

E parece que empeza moi ben… Xa devecemos por saber como continúa!

As nenas e nenos de 1º de Primaria do Colexio San Paio deron mostra de ser grandes contadores e cumpriron coa importante misión de encetar a nosa historia. Como boas veciñas e veciños decidiron que o conto debía comezar na Catedral, mais a protagonista, lonxe do que todas agardabamos, que fose unha peregrina, un crego, unha pomba… vai ser un peixe! Si, si, unha troita moi amiga de falar con todo o mundo e que se chama igual que a fundadora do seu colexio, Enma.

Así contaron os rapaces o comezo da viaxe, que axiña poderedes ver nesta bitácora a modo de videoconto:

Había unha vez unha troita que se chamaba Enma e foi á Catedral. Enma era azul, tiña os ollos grandes e era moi faladeira…

Despois do esforzo narrativo, gozaron facendo unhas ilustracións moi logradas, que xa logo se poderán ver na exposición virtual. 

Agora tócalle ao alumnado de 3º e 4º de Primaria do Colexio Apóstolo Santiago, o vindeiro luns, 6 de maio, continuar a historia. Non parece doada a cousa, pero seguro que o van facer xenial.

Estade atentas, que promete ser moi divertido…