E parece que empeza moi ben… Xa devecemos por saber como continúa!
As nenas e nenos de 1º de Primaria do Colexio San Paio deron mostra de ser grandes contadores e cumpriron coa importante misión de encetar a nosa historia. Como boas veciñas e veciños decidiron que o conto debía comezar na Catedral, mais a protagonista, lonxe do que todas agardabamos, que fose unha peregrina, un crego, unha pomba… vai ser un peixe! Si, si, unha troita moi amiga de falar con todo o mundo e que se chama igual que a fundadora do seu colexio, Enma.
Así contaron os rapaces o comezo da viaxe, que axiña poderedes ver nesta bitácora a modo de videoconto:
Había unha vez unha troita que se chamaba Enma e foi á Catedral. Enma era azul, tiña os ollos grandes e era moi faladeira…
Despois do esforzo narrativo, gozaron facendo unhas ilustracións moi logradas, que xa logo se poderán ver na exposición virtual.
Agora tócalle ao alumnado de 3º e 4º de Primaria do Colexio Apóstolo Santiago, o vindeiro luns, 6 de maio, continuar a historia. Non parece doada a cousa, pero seguro que o van facer xenial.
Estade atentas, que promete ser moi divertido…