O mércores visitamos por primeira vez o CEE Manuel López Navalón e quedamos encantados. Mirade canto deron de si as dúas sesións:
Lucente contoulles como no seu planeta a Doutora XXL acabara coas bibliotecas, coa arte e mesmo coa lingua. Agora era o Planeta da Escuridade. Non podían permitir que fixese o mesmo coa Terra!
Mentres estaban a falar viron a gran nave da malvada Doutora aterrar na Alameda. Correron cara alí para enfrontarse a ela. Cando chegaron, xa non estaba. Entón Lucente tivo unha idea:
- Co meu raio podo facer que estas estatuas revivan e igual elas viron por onde escapou esa malvada. As estatuas eran as Marías.
As Marías, agradecidas por lles devolveren a vida, dixéronlles que a malvada escapara cara á catedral. Xa na catedral, deron con ela nas catacumbas.
Papelín atacouna co seu superpapel, pero a Doutora XXL protexíase cun cristal no que o papel rebotaba.
Entón Lucente lanzou un raio co que conseguiu romper o cristal da Doutora e Papelín e mais Supertoalliña lograron detela.
Que emoción!!!! Estamos a nada de rematar o conto e iso nótase :D Hoxe poñémoslle o FIN en Roxos!
Os debuxos elixidos desta volta foron os de Uxía, do Rodríguez Xixirei e o de José M. do mesmo CEE Manuel López Navalón.