A rapazada do CEIP Apóstolo Santiago non decepcionou e souberon darlle ben á cabeciña para continuar o conto.
Con creatividade desbordante e grande interese na actividade, enxendraron un novo personaxe: Emilio, un cullareto que acompañou a Enma ata a catedral e que disque non ten moita paciencia coa xente estranxeira… Velaquí a narración dos rapaces e rapazas na que se fala deste simpático personaxe e se conta como chegaron á catedral e que foron buscar alí:
Con ela ía Emilio o cullareto, que era moi encantador, pero non tiña moita paciencia cos estranxeiros. Chegaron agochados nunha apisoadora que ía baixo terra, por un burato, dende o río ata a catedral. Ían alí para aprender a lingua das pombas.
Xa logo poderedes ver o fragmento de hoxe no videoconto e tamén as fotografías e as ilustracións, que aínda lle deron que facer…
E falando diso, hoxe seleccionouse a ilustración da primeira sesión que irá no conto final! As rapazas e rapaces do Apóstolo Santiago escolleron o debuxo de Helena Rodríguez, do colexio San Paio como o máis representativo. Noraboa!