0

O mouro do castro

13_RamónCabanillas-7

Hoxe retomamos as aventuras de Adán e Xenxo no CEIP de Vite. O último día estivemos polo Ramón Cabanillas e saímos encantados canda un mouro de barba e pelo negro que parece que nalgún momento debeu habitar o castro de Bando… Así continúa o conto:

A Adán e Xenxo non lles pareceu doado, pero acabaron por aceptar.

Unha vez no castro, achegóuselles un home serio, medio guapo, vestido da Idade Antiga, con barba e pelo negro, a pel moi branca e os ollos azuis. Era un mouro!

Cando viu o peite que levaban, díxolles: sei a que vindes. Tomade o meu sangue. Collérono e foron ao bosque. Alí encontraron un corno de touro tirado no chan e tamén o colleron. Despois viron un sapo ao que lle caía a baba segundo a segundo, recollérona e metérona nun pote.

E aínda tiveron ansia de escoller o debuxo de Sonia Martín Casal, do López Ferreiro, para ilustrar o conto final. Parabéns, Sonia!

0

Ao castro de Bando

12_LópezFerreiro-4O alumnado do CEIP López Ferreiro encamiñou aos dous protagonistas ao castro de Bando, onde teñen unha encomenda que facer para devolver a vida á zombi muller do piano. Aquí vos queda o texto que compuxeron:

A muller do piano, libre da bruxa, achegouse a Adán e Xenxo e pediulles unha última cousa: que lle axudasen a volver á vida. 

Para iso debían ir ao Castro de Bando e alí facer unha pócema máxica. Para facer a pócema necesitaban baba de sapo, sangue e un corno de touro. Pero deberíano facer en nove horas.

Sería tan fácil facelo?

Ademais, de entre os debuxos que fixeron os seus compañeiros de 1º o día anterior, escolleron o de Pablo. Está ben bonito! Non era unha escolla doada, eh. Mirade na exposición virtual que xeitosos eran todos…

Hoxe pasaremos a maña no Ramón Cabanillas, onde agardamos novas de Adán e Xenxo arredor do Castro de Bande. Xa informaremos…

0

A bruxa non llelo puxo doado…

11_LopezFerreiro-8… pero ao final puideron con ela! Todo grazas á antiga pócema que preparara Xenxo e que Adán gardaba no seu peto. Mirade canto discorreu esta xentiña do López Ferreiro:

Xenxo non podía correr moito e a bruxa atrapouno. Tocoulle coa man e converteuno en sapo.

Entón Adán lembrou que levaba a pócema no peto, botoulla á bruxa na boca para que deixase de ser bruxa e deulle un bico ao sapo para convertelo de novo en Xenxo.

E, ademais de facer uns debuxos que nos deixaron pampos, escolleron o de Nerea, do CEIP Ramón Cabanillas para ilustrar o conto final.

Hoxe volvemos de novo por alí para que, desta vez a rapazada de 2º de Primaria, continúe con esta historia que cada día está máis emocionante.

Para seguir máis de preto o traballo de cada sesión, botádelle un ollo ao apartado de fotos. Va que presta ver o ben que o pasan?

0

O encontro

10_RamónCabanillas-8Onte no CEIP Ramón Cabanillas a rapazada traballou duro para narrarnos o encontro entre os dous protagonistas e a bruxa de Casas Novas. Este é o resultado:

Miraron a un lado e a outro, pero non viron a bruxa.

De súpeto escoitaron ás súas costas: -Ola, Adán; Ola, Xenxo. Viráronse e viron a muller do piano.

Pero realmente era a bruxa que se apoderara do corpo da rapaza para enganar a Adán e Xenxo e coller o peite dourado. Porque era un peite máxico.

Adán e Xenxo desconfiaron de que era a bruxa porque non tocaba o piano e falaba moito coa curuxa da bruxa. Cando estaban case seguros de que era a bruxa e non a rapaza, a curuxa intentou coller o peite. Entón Adán e Xenxo saíron correndo.

Claro! Isto explica que a muller do piano os mandara polo camiño que non era… Mira que é pillabana esta bruxa…

O debuxo que escolleron da sesión anterior é o de Lois, do CEIP Rodríguez Xixirei. Xa nos tiña a nós pinta de artista o Lois…

Hoxe o conto continúa no CEIP López Ferreiro cos rapaces e rapazas de 1º de Primaria. Quen sabe o rumbo que lle darán a esta historia…

0

O sabugueiro da Sabugueira

9_RXixirei-5O venres estivemos na parroquia da Sabugueira, no CEIP Rodríguez Xixirei de Lavacolla. Reparade en como a rapazada deixou a pegada do seu topónimo no conto viaxeiro:

Cansos xa, chegaron ás Casas Novas. Pero cando por fin deran co número 23, a casa non tiña porta! -É un feitizo! -dixo Xenxo.

Diante da casa había unha árbore. Adán preguntoulle a Xenxo como se chamaba. Chámase sabugueiro -dixo Xenxo. Comeron o seu froito e viron a porta invisible. Entón entraron.

A ilustración escollida desta volta foi esta tan guapa de Alejandro Alonso Cancela, do CEIP de Roxos.

E entre unhas cousas e outras, os nosos protagonistas xa chegaron á casa número 23! Agora que? Verán a bruxa? Terán que empregar a pócema de Xenxo? Quitaralle o peite a Adán? E que raio terá o peite ese para ser tan codiciado? O alumnado do CEIP Ramón Cabanillas vai ser hoxe o responsable de dar resposta a algunhas destas preguntas. Aínda vai ter choio, non vos parece?