E o asunto non pode estar máis interesante: estrañas mutacións e desaparicións; espazos misteriosamente interconectados; novas mans amigas para nos axudaren a resolver este misterio e seres que parece que son pero igual non son e non se sabe aínda o que son nin o que fan.
A falta de que tres coles fagan a súa achega e coñezamos o incerto final desta historia por contar, a cousa está como segue:
…Ao día seguinte, Max avisoume de que seu pai se comportaba dun xeito moi raro. Como era festivo, pasamos moito tempo investigando o caso. Ao final do día xa tiñamos claro que un alieníxena absorbera o seu cerebro.
A xente ríase del pola rúa e no traballo pola súa forma de andar e de falar. Ás veces falaba nun idioma raro. Ninguén o entendía nin sabía o que lle pasaba.
Un día seguimos a Antonio, o pai de Max, ata o traballo. Atopamos unha porta e entramos por ela. Vimos un cadro moi bonito, achegámonos e descubrimos un pequeno tradutor usado polo xefe do traballo. O xefe falaba a mesma lingua que Antonio!!
Atopamos un botón vermello e, pola intriga, premémolo. Para a nosa sorpresa, abriuse unha porta que nos conduciu ata o laboratorio de Max.
Intentabamos atopar unha explicación cando o xefe de Antonio, que se decatara da porta aberta, apareceu diante de nós. Parecía enfadado e levounos a outro cuarto onde estaban todas as persoas, animais e cousas desaparecidas do barrio.
Pechounos no cuarto pero cunha pinza do pelo que tiña eu conseguimos abrir a porta. Escapamos canda todos os que estaban alí encerrados.
Entre eles estaban dous nenos, Xoel e Alicia, que quixeron axudarnos na nosa investigación para aclarar o misterio.
-É coma se fosen aliens que quixesen dominar o mundo -dixo Alicia.
-Si, tes razón -dixo Xoel.
-Escápasenos algo -propuxen eu.
-Si. O porqué -dixo Max.
Corremos cara á casa de Max e pechamos o laboratorio porque non era seguro.
Ao cabo dun pouco entendemos por que o laboratorio de Max estaba unido á oficina do seu pai: a través do laboratorio desaparecían os obxectos e as persoas, e espiábannos para que non os descubrísemos. Tiñamos que descubrir que lingua era a que falaban; ao mellor así poderiamos solucionar o enigma.
Alicia estaba dicindo:
-Max, temos que intentar falar con teu pai…
Cando de súpeto apareceu Antonio: -Omoc setsediup rapacse? (Continuará)