O sábado pola mañá en Fontiñas o sono non traizoou a imaxinación das cativas e cativos que agardaban dispostos a resolver o problema do roubo da lingua das pombas. Este é o fragmento que crearon, logo de moito discurrir e debater:
A pomba, que se chamaba Paula, díxolles que para recuperar a lingua tiñan que ir a Ponte Maceira nun día chuvioso para consultar á sabia rula que vivía no arco central da ponte.
Despois plasmaron a súa visión particular do episodio en ilustracións que proximamente poderedes ver na exposición virtual e escolleron o debuxo do grupo anterior que se incluirá no conto final, o de Vanesa Peón Suárez, do CEIP de Vite.
Nun anaquiño o conto viaxa de novo ao Colexio San Paio, onde as alumnas e alumnos de 2º de primaria argallarán o encontro entre a sabia rula e as nosas protagonistas. Non temos dúbida ningunha de que vai ser espectacular…