O Colexio San Paio volveu estar á altura na sesión de onte coas rapazas e rapaces de 2º de Primaria.
Con grande interese continuaron as aventuras da troita Enma que as súas compañeiras de 1º iniciaran hai unhas semanas. Así narraron o encontro coa sabia rula en Ponte Maceira:
Emilio tiña algo importante que facer, así que foron Enma e Paula soas a Ponte Maceira nun día de chuvia, buscaron pola sabia rula e contáronlle o seu problema. A rula escoitounas e díxolles que para ser dignas da súa sabiduría debían superar unha proba: tiñan que devolverlle o seu escudo, que llo levou o dragón cego que cuspe auga.
Antes de poñerse coas ilustracións, que axiña veredes na exposición virtual, escolleron a que irá no conto final de entre as que fixeron as rapazas e rapaces do CSC de Fontiñas o sábado, que vai ser a de Uxía Permoy Torre.
Mañá o conto ten sesión triple! Pola mañá estará coas alumnas e alumnos do CEIP Rodríguez Xixirei, 1º-2º e 3º-4º de primaria, e pola tarde no CSC de Vite.
Mentres imos actualizando o videoconto, podedes dar unha volta polo apartado de fotos para ver como transcorreu a xornada de onte no Colexio San Paio.
Xa non queda nada para resolver o misterio do roubo da fala das pombas… Non deixedes de seguir a viaxe!