0

E a rula cantou en Vite

9_CSC ViteAs rapazas que nos agardaban o mércores pola tarde en Vite demostraron ter moita man para a poesía. Queredes saber por que? Pois mirade con que lirismo continuaron o conto:

Pero cando chegaron ao petróglifo, enriba dunha espada estaba a sabia rula, que empezou a cantar: 

Se a lingua das pombas queredes recuperar
a espada e o escudo tedes que deixar, 
a lingua intentar practicar
para podela falar.

E de contado Enma e Paula marcharon para a catedral.

E non só iso, tamén fixeron o seu debuxo correspondente e escolleron o da sesión anterior, o de Marta Figueiras Garabal, do CEIP Rodríguez Xixirei.

Xa non queda nada para o final do conto… Este xoves, ás 18:30h, no CSC de Santa Marta, saberemos en que dá todo isto…

0

O dragón vive no Monte do Gozo

7_Rdgz Xixirei1As alumnas e alumnos de primaria do CEIP Rodríguez Xixirei, en Lavacolla, déronlle un bo avance ao conto… En sesión dobre, primeiro as de 3º e 4º e despois as de 1º e 2º, decidiron que o dragón cego que cuspía auga tiña a súa residencia habitual moi preto de alí, no Monte do Gozo. E cunha imaxinación desbordante, idearon a maneira en que Paula e Enma superaban a primeira proba e se enfrontaban a unha segunda. Velaquí vai, tal e como o contaron:

O dragón agochábase no Monte do Gozo, desde onde botaba auga pola boca e facía que chovera nas terras de Compostela.

Paula e Enma foron ao Monte do Gozo e entraron na cova do dragón. Paula foi voando cunha corda e atoulle os chavellos. Enma tirou da corda e arrincoullos. O dragón, moi doído, soltou o escudo e empezou a chorar. Enma e Paula colleron o escudo e marcharon.

O escudo tiña unha inscrición na que se indicaba unha nova proba: tiñan que ir ao Castriño de Conxo e buscar unha espada no petróglifo. 

Aínda lle deron á cabeciña, non si? Pois ademais tiveron tempo para facer unhas ilustracións fermosísimas e escoller as do grupo anterior. Aos de 3º e 4º tocoulles escoller a ilustración do Colexio San Paio, que irá no conto final, que vai ser a de David Puente Amado, e os de 1º e 2º escolleron a dos seus compañeiros de 3º e 4º, a de Nicolás Míguez Ramos.

A cousa ponse interesante, non si? Pois en nadiña continuamos no CSC de Vite!

0

Un dragón no colexio San Paio

6_San PaioO Colexio San Paio volveu estar á altura na sesión de onte coas rapazas e rapaces de 2º de Primaria.

Con grande interese continuaron as aventuras da troita Enma que as súas compañeiras de 1º iniciaran hai unhas semanas. Así narraron o encontro coa sabia rula en Ponte Maceira:

Emilio tiña algo importante que facer, así que foron Enma e Paula soas a Ponte Maceira nun día de chuvia, buscaron pola sabia rula e contáronlle o seu problema. A rula escoitounas e díxolles que para ser dignas da súa sabiduría debían superar unha proba: tiñan que devolverlle o seu escudo, que llo levou o dragón cego que cuspe auga.

Antes de poñerse coas ilustracións, que axiña veredes na exposición virtual, escolleron a que irá no conto final de entre as que fixeron as rapazas e rapaces do CSC de Fontiñas o sábado, que vai ser a de Uxía Permoy Torre.

Mañá o conto ten sesión triple! Pola mañá estará coas alumnas e alumnos do CEIP Rodríguez Xixirei, 1º-2º e 3º-4º de primaria, e pola tarde no CSC de Vite.

Mentres imos actualizando o videoconto, podedes dar unha volta polo apartado de fotos para ver como transcorreu a xornada de onte no Colexio San Paio.

Xa non queda nada para resolver o misterio do roubo da fala das pombas… Non deixedes de seguir a viaxe!

0

En Fontiñas naceu unha rula

5_FontiñasO sábado pola mañá en Fontiñas o sono non traizoou a imaxinación das cativas e cativos que agardaban dispostos a resolver o problema do roubo da lingua das pombas. Este é o fragmento que crearon, logo de moito discurrir e debater:

A pomba, que se chamaba Paula, díxolles que para recuperar a lingua tiñan que ir a Ponte Maceira nun día chuvioso para consultar á sabia rula que vivía no arco central da ponte.

Despois plasmaron a súa visión particular do episodio en ilustracións que proximamente poderedes ver na exposición virtual e escolleron o debuxo do grupo anterior que se incluirá no conto final, o de Vanesa Peón Suárez, do CEIP de Vite.

Nun anaquiño o conto viaxa de novo ao Colexio San Paio, onde as alumnas e alumnos de 2º de primaria argallarán o encontro entre a sabia rula e as nosas protagonistas. Non temos dúbida ningunha de que vai ser espectacular…

2

En Vite argallouse un roubo

3_ViteO pasado mércores a sesión dobre no CEIP de Vite deu para moito…

As rapazas e rapaces de 3º de primaria remataron a introdución do noso conto cun segredo que só as pombas da catedral coñecen… (que será?) E o alumnado de 4º atreveuse a comezar o nó da historia dun xeito moi interesante: ás pombas roubáronlles a lingua!

Aquí está o texto tal e como o narraron os dous grupos:

… porque as pombas da catedral gardaban un segredo.

Pero cando chegaron á catedral unha pomba borboriñoulles que un neno lles tirara pedras e lles roubara a lingua. A todas menos a ela.

Pinta ben, non si? Pois esta rapazada tan espilida fixo ademais unhas ilustracións moi xeitosas, que podedes ver aquí e aquí. O grupo de terceiro tamén escolleu a ilustración da sesión anterior que irá no conto final, de Tais, do CEIP Apóstolo Santiago. Ao grupo de cuarto tocoulle seleccionar o debuxo que ilustra o texto da terceira sesión, que vai ser o da súa compañeira Noa

Xa logo estará dispoñible o videoconto actualizado pero, mentres tanto, ídelle botándolle un ollo ás imaxes da xornada en Vite.

0

Estase a fermentar unha aventura…

Arrincamos cara a Vite, que o Conto viaxeiro ten alí hoxe sesión dobre. A ver que nos depara a viaxe… Non temos dúbida ningunha de que vai ser igual de emocionante que as anteriores… Seguro que ás rapazas e rapaces de 3º e 4º de Primaria do CEIP próelles a curiosidade igual que a nós por saber que lles pasou a Enma e a Emilio na catedral…

Axiña o saberemos, pero de momento, ide botándolle un ollo ás fotografías e ilustracións da sesión anterior no Apóstolo Santiago e, sobre todo, á nova versión do videoconto.